Tocar e loitar

Tocar y Luchar” é un documental que se adentra nas entrañas do proxecto orquestal e social máis importante das últimas décadas: o Sistema de Orquestras Xuvenís e Infantís de Venezuela. É a historia dun soño musical que actualmente agrupa a máis de 250.000 nenas/os e mozos das clases máis humildes en Venezuela e outros milleiros en América Latina. Un experimento musical que da sentido, futuro e educación as súas vidas.

Un modelo distinto ao que acostumos ver no resto do mundo.

Martín García Lorenzo, alumno da EMMeD, premio do IV Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Lugo

A concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo, e no seu nome, Mariluz Álvarez Lastra, así coma o claustro de profesores e profesoras da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) queren enviar, por medio desta carta, a máis sincera das felicitacións a Martín García Lorenzo como gañador, na modalidade de banda, da IV edición do Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Música de Lugo.

É un pracer e un privilexio para nós, como responsábeis institucionais ou académicos da EMMeD de Ribadeo, e para o propio centro contar con persoas coma ti entre as nosas alumnas e alumnos. O teu esforzo, a adicación constante ao saxo pero sobre todo as túas cualidades e talento, á marxe de toda dúbida, farán que chegues aló onde ti queiras no mundo da música.

Ogallá continúes gozando da música porque é así, disfrutando mentres van pasando os compases, como se pode facer fronte aos retos que as partituras nos poñen por diante.

Naquelo que precises gustaríanos que soubeses que tes o noso apoio.

Recibe unha forte aperta e, de novo, parabéns.

 

Actividades do segundo trimestre na EMMeD

As actividades que a continuación se citan son as que oficialmente se realizarán durante o segundo trimestre na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo (EMMeD), sen prexuízo de que poida xurdir algunha outra que sexa de interese.
Darase cumprida información dos ensaios a realizar con suficiente antelación por parte do profesorado implicado.

•    Exames de linguaxe musical – do 6 ao 9 de febreiro.

•    Exames de instrumento – do 13 ao 18 de febreiro.

•    Exames de ballet/danza – 18 de febreiro.

•    Actuación da charanga no desfile de Entroido – 21 de febreiro ás 17.00 h.

 DÍAS NON LECTIVOS

•    Entroido – do 20 ao 22 de febreiro (ambos inclusive).

•    San Xosé – 19 de marzo.

•    Vacacións de Semana Santa – do 1 ao 9 de abril (ambos inclusive).

A EMMeD na TVG

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo (EMMeD) actuou para o programa A Solaina da Televisión de Galicia no seu especial de Reis (min. 21.50-26.10).

Aquí tedes a ligaón: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-solaina-06-01-2012

A Cidade da Cultura presenta a segunda edición do ciclo de música clásica para nenos ‘Pequeclassics’

A Cidade da Cultura pon en marcha a segunda edición de Pequeclassics, un ciclo que trata de achegar a música clásica e a ópera aos máis pequenos a través do xogo e a diversión, tendo en conta que educar o sentido da melodía, do ritmo e ata o sentimento é posible mediante a aproximación dos nenos á música.

Deste xeito, a compañía Viravolta presentará a obra “O poliño feo” o domingo 22 de xaneiro, un espectáculo de luz negra protagonizado por monicreques e con música en directo. Dirixida a nenos de máis de tres anos, as entradas para as dúas sesións desta obra xa poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de tres euros máis gastos de xestión. Pequeclassics continuará o domingo 12 de febreiro con “Ensalada de instrumentos”, un percorrido pola historia da música e as diferentes familias de instrumentos da man de Os Tres Tenedores, un grupo de musicólogos e docentes con ampla experiencia, que introducirán aos nenos na arte de tocar e diferenciar os sons.

Máis info

A EMMeD de Ribadeo anticípase ao fin de ano

Ribadeo celebrará este sábado, 17 de decembro ás 18.00 horas no auditorio municipal Hernán Naval, a noite de fin de ano de xeito anticipado. Será no marco do festival de Nadal da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) da localidade co que se pon fin ás actividades académicas do primeiro trimestre no centro e que nesta ocasión ten como temática central unha gala de anovello retransmitida a través da radio no que non faltarán as uvas, o cotillón as badaladas e moitas outras sorpresas coa música dos alumnos e alumnas do centro como banda sonora.

“Cada ano aventurámonos en novas propostas manténdonos fieis a tres piares: tentamos facer boa música, que as alumnas e alumnos que participen no festival disfruten e aprendan enriba do escenario e que a xente que se achega ao auditorio o pase o mellor posíbel”, sinala Hugo García, director da EMMeD de Ribadeo. O claustro de profesoras e profesores do centro pide “a maior participación posíbel da xente para facer deste adianto do remate de 2011 unha verdadeira festa de fin de ano traendo uvas, uns figos, pasas ou o que vexan para acompañar as doce badaladas que non faltarán no auditorio municipal e para entrar co mellor dos pés posíbeis no Nadal e máis no ano vindeiro”.

O festival de Nadal é unha das actividades tradicionais da programación cultural destas datas na localidade en nel interveñen boa parte das trescentas alumnas e alumnos da EMMeD en diferentes agrupacións (música tradicional, percusión, vento-metal, guitarras, pianos, danza, música e movemento, entre outros).

Agrupacións da EMMeD de Ribadeo actúan no Mercado de Nadal

O parque de San Francisco acolle entre os días 3 e 8 de decembro o Mercado de Nadal que organiza o Concello de Ribadeo. No marco das actividades complementarias que se van realizar atópanse, como vén sendo tradicional nos últimos anos, diferentes actuacións do alumnado da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo.

Quen primeiro vai pasar polo escenario do Mercado de Nadal serán as alumnas e alumnos de danza e ballet baixo a dirección da profesora María Justo. Será o sábado, 3 de decembro ás 19.30 horas. E o luns, 5 de decembro, ás 20.00 horas serán unha serie de agrupacións da Escola (trompetas, violíns, frautas…) as que poñan a banda sonora a un mercado de nadal no que participan máis de 30 artesáns tanto de Galicia coma do occidente de Asturias.